Sunday 28 de April de 2024

Este venres, máis de 60 empresas do Camiño Fisterra Muxía darán “Un Mar de Grazas” en Santiago


 

O sector profesional compostelán coñecerá os recursos desta ruta de peregrinación neste evento de Solpor Asociación Camiño Santiago a Fisterra-Muxía, que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia

A cita, no Hostal dos Reis Católicos, contará cun workshop dende as 19:30 horas e un acto oficial a partires das 21:00 h

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2019.- “Un MAR de GRAZAS” é o nome do evento organizado por Solpor, Asociación Camiño Santiago a Fisterra-Muxía, que se celebrará o serán deste venres 25 de outubro, no Comedor Real e na Capela do Hostal dos Reis Católicos.

A partires das 19:30 horas iniciarase un workshop no que poderán coñecerse as propostas de máis de 60 empresas e colectivos participantes, cun formato especialmente acaído para todos os profesionais ligados aos camiños.

Xa dende as 21:00 horas desenvolverase o acto oficial, coa participación de Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; Jesús Picallo, presidente de Solpor; así como todos os alcaldes dos concellos por onde transita esta prolongación xacobea a Fisterra-Muxia dende Santiago

Poráselle o ramo coa degustación de produtos da Costa da Morte e doutros concellos polos que pasa a ruta, o sorteo de estancias, música en directo e outras sorpresas.

Nesta cita, que está a levantar moita expectación, tamén estarán presentes representantes sectoriais e empresarios chegados de distintos concellos do Camiño e de Compostela.

Esta iniciativa forma parte do programa O Teu Xacobeo, impulsado dende a Xunta de Galicia.

Boas sensacións previas na asociación Solpor

Dende a directiva de Solpor, Asociación Camiño Santiago a Fisterra-Muxía, existe unha grande satisfacción pola repercusión que está a acadar este evento.

“Por parte dos asociados estásenos a transmitir un grande interese en Un MAR de GRAZAS debido á expectación que xera un acto destas características. Alén dos máis de sesenta postos informativos que se montarán para membros da asociación, existe unha ampla adhesión ao proxecto por parte de moitos pequenos negocios que non poderán asistir por non dispoñer de máis persoal para atender os seus propios locais, co cal a repercusión está sendo altísima”, indican dende a organización.

Ademais, o colectivo destaca que: “Igualmente, a implicación dos concellos do Camiño está a aportar valor engadido ao evento”.

Por último, as impresións atinxidas dende Solpor poñen de manifesto que: “Santiago de Compostela é –para o Camiño Fisterra-Muxía- un elemento chave para a sustentabilidade de centos de negocios que teñen asentada a súa actividade na ruta do Camiño ou nas súas proximidades. Igualmente, pénsase que esta é unha oportunidade moi boa para afianzar vínculos ou crear alianzas e sinerxías estables entre empresas e profesionais con actividade en Santiago de Compostela, e os propios asociados espallados ao longo das localidades do Camiño”.

Sobre a Asociación Solpor

A Asociación Camiño do Solpor naceu no 2014 como a unión dos empresarios da contorna do Camiño Fisterra-Muxía que están vinculados, de calquera xeito, coa ruta. Así, nela entran albergues, hoteis, casas rurais, empresas de transporte, fisioterapia, provedores para a restauración…

Os seus obxectivos son promocionar este itinerario, mediar ante as administracións, loitar contra as malas prácticas, e, en xeral, mellorar a experiencia dos peregrinos que o escollen.

Dende entón puxeron en marcha numerosas accións, como o portal https://www.caminodesolpor.gal/ ou o deseño dunha credencial deste vieiro e dun mapa cos lugares de interese da ruta.

Hoxe en día, Solpor, Asociación Camiño Santiago a Fisterra-Muxía, reúne a máis de 140 socios de 12 concellos: Ames, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Negreira, Outes, Santiago e Vimianzo.